Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Maribel*

Maribel ten unha hortiña, e nela planta cebolas, e planta repolos, e tomates e pementos, e gústalle coidar a hortiña, e tela limpa, bonitiña, arrincarlle as herbas, que dea bos froitos, porque os froitos da súa hortiña para ela son os mellores, porque son dela, porque os coida ela, e mímaos, e cómeos. Maribel podía comprar as cebolas e os repolos, ou os tomates e os pementos, pero non é o mesmo, porque os da súa hortiña son dela, e como son dela, para ela son os mellores e, para que vai querer os de fóra? Maribel ten ollos e oídos e ela ben ve o que hai. Maribel ve que hai xente que quere aparentar máis do que é e hai xente normal, coma ela, á que lle dá igual, e entón, á xente normal á que lle dá igual, á que non lle importa, di: «eu chego á casa e planto cebolas ou sácolle as herbas aos repolos», entón esta xente non ten problema ningún, e vive moi tranquila e feliz, como Maribel e como moitas como Maribel; pero hai outra que, claro, non ten unha hortiña para botar cebolas, non ten nada, entón só pode falar, pois, de ir de compras, e ir á cafetaría, ou «me fui ayer al gimnasio» ou «me fui a tal o me fui a cual» porque, claro, queren vivir unha vida máis fina, entón hai dous bandos, hai o bando que di: «ai, Maribel, no traes las uñas nada cuidadas», e Maribel dilles «e que, claro, fun sacarlles as herbas aos repolos e téñoas un pouco descoidadas». «Ai, Maribel, tienes que pintarte las uñas e irte a la peluquería y teñirte el pelo y hacerte unas mechitas», e Maribel dilles «pero eu estou moi a gusto así». Maribel pensa que hai dous bandos, como pensa que hai en todos os sitios. Como por exemplo coa xente hipotecada. Maribel ve que a xente hipotecada se ten por máis fina que a que está sen hipotecar, porque a xente que quere ser fina, a maioría da xente que quere ser fina, ou vive de alugueiro ou está toda hipotecada; e iso ben o ve Maribel porque iso nótase. Maribel tamén vai á cafetaría e vai de compras, tamén vai ao fútbol, pero tamén coida a súa horta para que estea limpiña e dea bos froitos. Maribel non está hipotecada, nin vive de alugueiro, porque para Maribel o dela é o mellor.

*O nome non é real, mais ela si (é a nai dun amigo).
07/07/2004 20:06

Comentarios » Ir a formulario

gravatar.com
Autor: paleón

...eu de grande, quero ser Maribel...

Fecha: 07/07/2004 23:34.


gravatar.com
Autor: caladinha

Eu de pequena... de ser ghrande xa me fartei e dáme que é a xente ghrande a que máis hipotecada anda

Fecha: 08/07/2004 13:38.



Autor: Eu

E polo que vexo, ademais, Maribel fala galego... Claron, non está hipotecada!

Fecha: 09/07/2004 18:41.


Añadir un comentario




No será mostrado.






Suscrí
bete a este blog. RSS 2.0 Este Blog ha sido creado con Blogia. Ver derechos de autor . Estadísticas. Admin. [Blogia colabora con 1001 relatos.]