Blogia
DEPÓSITO

O PP de Betanzos e o Psoe da Coruña mófanse de Manuel María

O outro día asistín a unha homenaxe na Coruña a Manuel María á que asistiron unha 500 persoas. Esta homenaxe tivo que ser na Universidade, pois o Concello non deixou utilizar para este fin ningún teatro nin auditorio municipal.
Ademais, no último pleno propúxose nomear a Manuel María fillo adoptivo da cidade, pois estivo vencellado a ela desde moi novo e nela pasou os últimos anos da súa vida. O votos en contra do Psoe evitárono.

Hoxe leo en A Nosa Terra:

O PP de Betanzos mófase de Manuel María

O PP cualificou ao poeta Manuel María de "caricatura de si mesmo" nun pleno do concello de Betanzos no que se decidía dedicarlle unha rúa. O grupo popular , encabezado por María Faraldo Botana, verteu unha serie de xuízos de valor desprestixiando a figura do poeta chairego, moi vencellado á vila betanceira.
O pleno comezou cunha intervención do concelleiro do BNG e escritor, Xabier López López, que fixo unha exposición dos motivos de lle dedicar unha rúa ao recentemente falecido Manuel María. Entre as razóns que expuxo o grupo do BNG, destacan "a súa condición política e a necesidade de recordar o seu compromiso cívico, que foi moito máis alá do vago esteticismo de moitos creadores". A intervención de Xabier López rematou coa lectura do poema titulado Acuso á clase media. Ademais, agradeceu o voto favorábel tanto do PSOE como do PP, que fora anunciado na comisión de programación do día anterior.
Cando chegou a quenda de explicacións do voto favorábel do grupo popular, a súa portavoz, María Faraldo, sinalou non estar de acordo co exposto polo concelleiro nacionalista. Entre outras afirmacións, dixo que "non entendo por qué hai que recoñecer unha vida dedicada por enteiro á poesía". Acto seguido, denunciou "a teima dalgúns partidos con homenaxear escritores". Tamén declarou "non compartir en absoluto o sentido do poema Acuso á clase media " porque segundo a concelleira "esta clase é a que nos deu unha carreira a moitos dos que estamos aquí".
O concelleiro do BNG, Xabier López, respondeu subliñando "a absoluta falta de respecto do PP". Foi entón cando pediu a palabra o concelleiro do PP, Francisco Martínez Pin , para comunicar que "dá a sensación de que só se dedican rúas aos do BNG". Puxo en dúbida, ademais, o valor literario do escritor aludindo que "sobre a poesía e os méritos literarios de Manuel María habería moito que dicir". Rematou a súa intervención cunha ofensa sinalando que o chairego "acabou converténdose nunha auténtica caricatura de si mesmo.

Enviémoslle unha queixa a:

María Dolores Faraldo Botana
Voceira do Partido Popular
Concello de Betanzos
Praza da Constitución 1
15300 Betanzos"

2 comentarios

Anónimo -

Que tristura.
Sen embargo, Manuel María sempre estará no corazón do pobo, para que precisa de rúas?

miguel anxo mato fondo -

Quero refrescar memorias. Culturalmente, o bng sempre respectou ás figuras da cultura deste país con independencia da súa etiqueta política,social ou estética. Otero Pedrayo e Cabanillas eran conservadores católicos.
Algúns deberían ler a estes escritores e non fan. Como diría F. Umbral, como non len, cando falan de cousas importantes din tonterías. A dereita galega nunca leu aos seus escritores porque xamais quixo ser galeguista. Eu non entendo como unha persoa do PP galego, culta e formada, non é lectora de escritores como os que antes citei. Resulta incomprensíbel. Sobre o comentario da concelleira, en fin, non se entera de nada, o que xa resulta común. Que lle imos facer, temos unha dereita que non le, inculta e rencorosa!