Blogia
DEPÓSITO

Asociación Cultural Altofalante

Asociación Cultural Altofalante Altofalante fai que a voz se faga oír.
Altofalante axuda a organizar cousas.
Altofalante é galego.
Altofalante é do tempo no que vivimos.


Constitución da Asociación Cultural Altofalante

O vindeiro venres 19 de agosto de 2005, ás 21.00 horas no Restaurante Coroso de Riberia -situado á beira da praia do mesmo nome-, vaise constituír a Asociación Cultural Altofalante.

Esta é unha asociación aberta que busca a dinamización social, cultural e lingüística de Galiza dende unha óptica nacionalista galega. Para iso un grupo de mulleres e homes imos constituír en Ribeira a Asociación Cultural Altofalante.

Comezamos un novo tempo para Galiza onde a dinamización cultural e a participación cidadá teñen que ser elementos estruturais do País Novo, e para contribuír a isto imos constituír esta asociación. Queremos difundir a idea de que Galiza é unha nación e que está orgullosa de selo. Somos conscientes da importancia de facer país dende un punto de vista cultural.

Altofalante ten vontade de colaborar con outras asociacións, colectivos e institucións que compartan con ela as súas finalidades.

A promoción e a creación cultural de Galiza nas súas diferentes manifestacións: literarias, plásticas, musicais, audiovisuais...; xunto coa recuperación da memoria histórica da nación galega e a normalización do noso idioma en todos os ámbitos, serán os piares que asenten as actividades que se desenvolvan dende Altofalante.

Formaremos e educaremos nos valores da democracia, da paz, participación, a igualdade de xénero e respeto pola diferenza cunha ollada nacionalista galega.

Queremos facer extensivo este convite a todas as persoas interesadas e que compartan estes ideais, para que unan a súa voz á de Altofalante e veñan o vindeiro venres 19 á constitución da asociación.

(Sala de máquinas)

0 comentarios