Blogia
DEPÓSITO

Anxos, Anxiños

Anxos, Anxiños Cando unha persoa escribe o seu "diario" na rede e a sección da páxina web onde o escribe recibe unha chea de visitas ao día, algo terá esa persoa.
Falo de Anxos de garda en Culturagalega.org.

Cando esa persoa logo publica en papel ese "diario" e o libro se converte nun auténtico éxito editorial e está entre os máis vendidos durante non sei cantas semanas, a pesar de publicarse nunha editorial con recursos publicitarios e de distribución bastantes limitados, algo terá esa persoa.
Falo de Anxos de garda, publicado por A Nosa Terra.

Cando logo continúa publicando en formato libro ese "diario" e a obra volve ser novamente un éxito rotundo para público e crítica, pois está claro, esa persoa algo ten.
E falo de Melodía de días usados, publicado por Galaxia.

Esa persoa é Anxos Sumai, de Catoira, documentalista e bibliotecaria do Consello da Cultura Galega, tradutora de obras como, por exemplo, os Diarios de Syra Alonso, e escritora de recoñecida capacidade, con publicacións en papel e con publicacións dixitais (aínda que ela non queira ser escritora, senón escribir, que poden ser cousas ben distintas). Premio da Crítica de Galicia de creación literaria por Anxos de garda, Premio do xurado á mellor curta no Festival de Cans (falo do Porriño) no 2004, e non sei cantas cousas máis.

Das escritoras e dos escritores gústame valorar, apreciar e gozar a súa obra literaria. Coincido con Anxos en que non sei até que punto pode ter máis interese a opinión ou a vida dun escritor ou escritora que a opinión ou a vida dun ou dunha electricista, mais no caso desta autora esta consideración ten que ser radicalmente distinta, pois a súa obra literaria fúndese e confúndese coa súa vida real, e a súa vida real coa súa obra literaria.

Melodía de días usados é "diario", é relato, é novela, é poesía, é música, é colores vivos, é verdes e laranxas, é pistacho, é melón. É cereixas, amoras e amorodos. Mestura ficción e realidade, ou se cadra non, se cadra é todo ficción ou todo realidade. O certo é que en Melodía de días usados vemos unha persoa adulta que, como moitas, habita Santiago, pero que como poucas, constrúe Compostela, mais que moitas fins de semana volve ser nena abrindo a neveira e as alacenas en busca de comida na casa dos pais, cunha nai con bata de cadros cruzada que mata insistentemente moscas cun pano e que di que lle gustan as cabezas do peixe e os pescozos do polo para deixar para nós as mellores talladas.

Melodía de días usados é o día a día de Anxos, con vivencias cotiás en Compostela e Catoira -ficticias ou reais-, sempre deliciosas, entrañables. Con persoas amigas -ficticias ou reais- que podemos identificar con referentes reais (mais que nada porque non adoita cambiarlles o nome).

Mergulládevos na historia de Anxos, Anxiños, na súa vida, nas súas vivencias, no seu galego directo, moderno, urbano, na súa casa, na pensión Sumai, querede estar alí, falade con Mónica, ou con Helena, ou con Gus, ou con Siño, ou con Pedro, ou con Teo, ou con Rosa, ou con Roberto, paseade con Morris, ceade con Camilo, escribídelle a Lupe, lede no autobús, acariñade a Brando e a Greta, chorade por Roberto, xantade na casa de Catoira, identificádevos con cada situación que presenta, preguntádevos: "e que estará facendo hoxe Anxos?", escoitade música, que soe a melodía de días usados.

2 comentarios

paleón -

os libros de Anxos son uns encantos, Anxos é un encanto

acedre -

Mui bo ese libro.
Encantoume.
Saudos.