Blogia
DEPÓSITO

Por se servise de algo

Estimado Xaime,
Estimada Margarida,

Diríxome a vostedes para comunicarlles a miña preocupación pola deixadez xeral que se percibe con respecto á promoción do uso do galego desde da Deputación da Coruña, aínda que nesta ocasión me centrarei só no Plan de formación 2005.

En primeiro lugar, neste plan non hai ningunha actividade que teña como obxectivos os de incrementar o uso e/ou prestixio do galego na administración local, algo que sería totalmente necesario. As actividades relacionadas con lingua que hai están todas centradas no corpus e na produción escrita (linguaxe administrativa, ortotipografía e redacción de documentos), algo necesario, mais non suficiente, pois son imprescindibles actividades centradas no estatus da lingua.

Por outra banda, e o que aínda me resulta máis preocupante, é a pouca ou nula presenza que ten o galego no desenvolvemento do resto de actividades formativas. E céntrome no exemplo que a min me parece máis preocupante. Como traballador da administración local que son participei no Curso de atención ao público. Imaxinaba que neste curso se traballarían contidos transversais de usos lingüísticos, tendo en conta, por unha banda, que a principal ferramenta para a comunicación coa cidadanía non é outra que a lingua, e pola outra que como se establece no artigo 6 da Lei de normalización lingüística é “obriga” da administración promover o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa cidadanía. Pois para a miña sorpresa non só non se tratou o tema dos usos lingüísticos, da necesidade do uso do galego na atención ao público desde a administración, do deber da administración local de promocionar o uso da lingua galega na atención ao público, dos dereitos da cidadanía a ser atendida na lingua propia da comunidade, etc., senón que o peor de todo foi que o curso se desenvolveu en castelán. Ademais, cónstame que isto mesmo acontece na maioría dos cursos, incluso naqueles centrados na comunicación, nos que os contidos transversais para promocionar o uso do galego terían que ter un peso fundamental, como poden ser os cursos de Curso de atención e información telefónica, Curso de atención de queixas e reclamacións, etc.

A verdade é que de nada serve un teórico compromiso coa defensa e promoción do uso do galego e incluso de nada serve o desenvolvemento de campañas específicas a prol da normalización do uso da lingua se logo no desenvolvemento de actividades formativas centradas na comunicación e na atención ao público dirixidas aos traballadores e ás traballadoras da administración local, a lingua de traballo non é outra que o castelán.

Agardo que de cara a futuras actividades se corrixan estes serios problemas e que na Deputación da Coruña vexamos algún día un compromiso real coa defensa e promoción do uso normalizado da lingua propia de Galicia, aínda que só sexa o mínimo que establecen os mandatos estatutarios e legais.

Moitas grazas pola atención e un saúdo,

0 comentarios