Blogia
DEPÓSITO

Manifesto Engalegopuntogal da Asociación Cultural Altofalante

Desde o ano 1963, cada 17 de maio celebramos e reivindicamos en Galiza as nosas letras e a nosa lingua. Agora, a partir deste 2006, o mesmo día celebraremos ademais o Día de Internet, que pola súa vez coincide co Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebra xa desde 1969. Por esta razón, desde a Asociación Cultural Altofalante queremos difundir o Manifesto Engalegopuntogal do 17 de maio.

O 2006 pode ser determinante para o futuro do galego e para a presenza de Galiza en Internet:

INTERNET

Este ano inicia a suma de forzas para a presenza da nosa cultura, da nosa lingua e do noso país na rede con identidade e cun dominio propio.

Hai unhas semanas, coa constitución da promotora da Asociación Puntogal, comezou o proceso para que se sumen esforzos no noso país e se poida conseguir.

Por isto, a Asociación Cultural Altofalante fai un chamamento ao conxunto da sociedade, nomeadamente ao movemento asociativo, ao mundo da comunicación, ao ámbito empresarial e a todas as entidades públicas galegas para unir forzas e acadar o dominio .gal para o noso país. Ao mesmo tempo, a Asociación Cultural Altofalante apoiará todas as accións promovidas desde a Asociación Puntogal en prol do dominio galego en Internet.

LINGUA

A nosa lingua, a lingua propia do noso país, sofre unha situación social e legal de anormalidade, pois socialmente aínda non é a lingua de uso normal en todos os ámbitos e legalmente aínda non ten recoñecido o mesmo estatus que o castelán.

A partir deste mesmo ano temos a oportunidade de comezar a mudar esta situación co novo Estatuto de Galiza, que lle debe dar ao noso idioma, cando menos, o mesmo estatus legal que ao castelán. Todos os galegos e todas as galegas debemos ter o deber de coñecer e o dereito a usar a nosa lingua e, consecuentemente, para ter garantido ese dereito, todas as traballadoras e todos os traballadores das administracións públicas con presenza en Galiza deben ter a obriga de coñecer o galego.

Polo tanto, desde a Asociación Cultural Altofalante, pedímoslles a todas as organizacións políticas a unanimidade necesaria para incorporar no novo Estatuto o estatus que o galego precisa; unanimidade que, por outra banda, xa se acadou en 1983 cando todas as forzas parlamentarias votaron a favor de que todos os galegos e todas as galegas tivésemos o deber de coñecer e o dereito a usar a nosa lingua, decisión que, por querer incorporarse nunha lei sen estar recollida no Estatuto, non foi aceptada polo Tribunal Constitucional. Agora é o momento de retomar o acordo.

Tamén facemos un chamamento ao conxunto da sociedade galega para que reivindique ante as forzas parlamentarias a responsabilidade de retomar esa unanimidade política.

Por todo isto, a Asociación Cultural Altofalante apoia a manifestación que con este motivo convoca a Mesa pola Normalización Lingüística que terá lugar en Santiago de Compostela o 17 de maio e fai un chamamento para que se participe activamente nela.

0 comentarios