Blogia
DEPÓSITO

O conto dunha vida

O conto dunha vida faino cada un
se pode, se lle deixan
se atende á desorde como delicia
como pracer que ispe a cabeza
esa cabeza que apoio na almofada
e inventa tolerías. U-la razón?
Preciso de compaña e métome en min.
Incansábel vou máis alá.
Sumo fantasías e aparezo eu
nesa harmonía feita con discordancias.
A harmonía é o boureo arrítmico da vida
a imprecisión de cada quen
a desorixe de cada can.
Abro a fiestra que me amosa o mundo que non hai
pero que eu vexo.
As cousas pasan porque pasan.
Vivir é ver.
Vivo (porque vexo) o que pasa (porque pasa)
no mundo que non hai (pero que eu vexo).
Non sei.

5 comentarios

candorca -

A verdade é que adoito ler poesía e ultimamente todo o que pasa polas miñas mans, ou pola miña pantalla, non deixa pouso. Agradézoche estas liñas:
"Preciso de compaña e métome en min.
Incansábel vou máis alá.
Sumo fantasías e aparezo eu
nesa harmonía feita con discordancias.
A harmonía é o boureo arrítmico da vida
a imprecisión de cada quen
a desorixe de cada can.
Abro a fiestra que me amosa o mundo que non hai"
Do melloriño que lin nestes últimos meses.

De certo, parabéns por deixáresnos. Alento, bandeira, gorxas en guerra... para que nos deleite con máis textos ;-)

eue -

Si o da vida ao final resulta ser un conto, e non unha novela como pensabamos.

Texto potente. Encántame \"a desorixe\".

Gratamente sorprendido ;-)

Depósito -

Benquerido amigo opándigo, aínda a risco de resultar pedante:

Polo feito de considerar que un texto unha vez publicado deixa de ser do seu autor ou autora e pasa a ser de quen o lea, non lle vou a dar a miña interpretación deste O conto dunha vida.
Certo é que teño a miña, mais xusto por ser eu o autor, non a vou dar. Gústame que cada quen teña a súa, e algunha poderá coincidir coa miña, mais todas son igual de lexítimas. A da autora ou autor non pode ser nunca máis lexítima que as demais.
Xa que logo, déalle ao texto a interpretación que vostede queira (se lla quere dar, claro).

opándigo -

síntome moi identificado neste texto, meu... a ver se mo explicas agora que non pillei a primeira...

pintega -

Moi bonito o seu texto... e un pouco desacougante.