Blogia

DEPÓSITO

REACTIVADO PARA O CAMBIO

Este blog reactívase para o cambio.

Cada gran de area é importante!

Temos que conseguilo.

HAI QUE BOTALOS!

Desta TEN QUE IR!

De todas as cousas sobre as que se pode escribir...

De todas as cousas sobre as que se pode escribir,
e son moitas,
quizais ti, e poucas máis ca ti,
permiten expresar tantas contradicións.
Quizais porque ti es todo.
Porque contigo, aínda sendo feliz, estase triste,
e contigo hai amor, pero tamén hai odio,
e hai vitoria, pero tamén derrota,
e camiño, pero tamén barreiras, muros, enreixados, cerramentos,
e cada vez máis cómpre dicir terra
cómpre dicir lingua, e clase, e sexo
cómpre sorrir moito
cómpre mirar aos ollos, fixamente,
cómpre suar, ou non suar, pero merecelo.
Traballar, regalar letras de cancións
camiñar, reclamar o dereito a ser escoitado
falar, que os demais tamén o vexan
deitarse, soñar como oxalá foses
e seguro que es
e se non es,
serás, ou non serás.
Conciencia?, compromiso?, denuncia?, participación?, transformación?
conflito dinamizador?
movemento social?
clase?, raza?, sexo?, lingua?
organización social harmónica? pacífica? solidaria?

A última marea do Madero I

A última marea do Madero I

A historia comezou hai uns cinco ou seis anos. Ramón comprou un casco vello dun barco e xa tivo entretemento durante moito tempo. Tarde, mañá, día ou fin de semana libre que tiña non facía outra cousa que ir traballar ao barco. Facer os paus con árbores ou postes da luz, lixar, vernizar, pintar, soldar, poñer as velas..., había que inventar un barco.
Ramón levaba sempre a cuadrilla: Darío, Pablo, Luís, Miguel, Fernando, Andrés... teñen pasado moitas en Rianxo, en Palmeira ou en Ribeira para ver algún día acabada a obra. A min tamén me tocou un par de veces.
O ano pasado o Madero I xa navegou pola ría. A obra xa estaba rematada, aínda que había que seguir traballando nela para perfeccionala (adornos, varandas, bandeiras...).
Xa case estaba todo listo. Pouco máis faltaba.
O cumio: que Amenábar quixera que o Madero I estivera en Mar Adentro.

O temporal acabou con todo.

Se Mar Adentro leva o Óscar, un anaquiño ten que ser para Ramón (e para Darío, Pablo, Luís, Miguel, Fernando, Andrés...).

O PP de Betanzos e o Psoe da Coruña mófanse de Manuel María

O outro día asistín a unha homenaxe na Coruña a Manuel María á que asistiron unha 500 persoas. Esta homenaxe tivo que ser na Universidade, pois o Concello non deixou utilizar para este fin ningún teatro nin auditorio municipal.
Ademais, no último pleno propúxose nomear a Manuel María fillo adoptivo da cidade, pois estivo vencellado a ela desde moi novo e nela pasou os últimos anos da súa vida. O votos en contra do Psoe evitárono.

Hoxe leo en A Nosa Terra:

O PP de Betanzos mófase de Manuel María

O PP cualificou ao poeta Manuel María de "caricatura de si mesmo" nun pleno do concello de Betanzos no que se decidía dedicarlle unha rúa. O grupo popular , encabezado por María Faraldo Botana, verteu unha serie de xuízos de valor desprestixiando a figura do poeta chairego, moi vencellado á vila betanceira.
O pleno comezou cunha intervención do concelleiro do BNG e escritor, Xabier López López, que fixo unha exposición dos motivos de lle dedicar unha rúa ao recentemente falecido Manuel María. Entre as razóns que expuxo o grupo do BNG, destacan "a súa condición política e a necesidade de recordar o seu compromiso cívico, que foi moito máis alá do vago esteticismo de moitos creadores". A intervención de Xabier López rematou coa lectura do poema titulado Acuso á clase media. Ademais, agradeceu o voto favorábel tanto do PSOE como do PP, que fora anunciado na comisión de programación do día anterior.
Cando chegou a quenda de explicacións do voto favorábel do grupo popular, a súa portavoz, María Faraldo, sinalou non estar de acordo co exposto polo concelleiro nacionalista. Entre outras afirmacións, dixo que "non entendo por qué hai que recoñecer unha vida dedicada por enteiro á poesía". Acto seguido, denunciou "a teima dalgúns partidos con homenaxear escritores". Tamén declarou "non compartir en absoluto o sentido do poema Acuso á clase media " porque segundo a concelleira "esta clase é a que nos deu unha carreira a moitos dos que estamos aquí".
O concelleiro do BNG, Xabier López, respondeu subliñando "a absoluta falta de respecto do PP". Foi entón cando pediu a palabra o concelleiro do PP, Francisco Martínez Pin , para comunicar que "dá a sensación de que só se dedican rúas aos do BNG". Puxo en dúbida, ademais, o valor literario do escritor aludindo que "sobre a poesía e os méritos literarios de Manuel María habería moito que dicir". Rematou a súa intervención cunha ofensa sinalando que o chairego "acabou converténdose nunha auténtica caricatura de si mesmo.

Enviémoslle unha queixa a:

María Dolores Faraldo Botana
Voceira do Partido Popular
Concello de Betanzos
Praza da Constitución 1
15300 Betanzos"

Até sempre, compañeiro

Até sempre, compañeiro

FALANDO suxetivamente, decídeme:
¿pode, sen temor, ollar o ser humano
dun xeito obxectivo a propia morte...?
¿Por que a morte nos enche a todos
de arrepío? ¿A morte non será como
a conciencia: algo subxetivo...?
Unhos non se dan a ela doadamente:
loitan, sofren deica que caen
vencidos, derrotados e desfeitos.
Outros entréganse sen mais.
[...]
Preguntamos. Preguntamos. Preguntamos.
Estamos sempre preguntando.
E ninguén nos resposta: intuimos
que a morte ignora tódalas preguntas.

- - - - - - - Os carreiros da morte, Manuel María- - - - - - -

A dor da ausencia retórceme
como un carballo
de catrocentos anos.

A ausencia
fai en min un oco
que se enche de tristura.

Eu son impotente
i ardo de carraxe.

Mais
a túa lembranza poderosa
sempre fai tremar a miña carne.

- - - - - - - Poemas da ausencia, Manuel María- - - - - - -

Xornal de Galicia

Parece que vai nacer un novo periódico, Xornal de Galicia, e disque vai ser unha aposta por defender os valores asociados á liberdade de expresión e de pensamento, desde a súa recoñecida independencia.

A min de momento isto paréceme unha oportunidade perdida para ter un verdadeiro xornal en galego. Ao mesmo tempo xórdenme varias preguntas: por que estes poden e Edicións de Referencia non?, por que estes poden e A Nosa Terra non? A pregunta penso que ten unha resposta: o negocio inmobiliario (o que penso que xa pon algo en dúbida a verdadeira independencia, non?).

Servizo de atención ao cliente - Caixa Galicia

Estimado señor ...,

Dou contestación ao seu escrito recibido neste Servizo:

Na Caixa Galicia sentimos especial preocupación por mellorar os servizos que se prestan aos seus clientes. Certamente, non sempre acadamos este obxectivo, pera as comunicacións que nos chegan sérvennos para coñecer mellor non só os nosos puntos débiles, senón tamén a opinión dos clientes sobre o noso traballo diario.

A utilización do idioma galego en todos os ámbitos da nosa actividade é para Caixa Galicia un obxectivo prioritario que está neste momento na fase de progresiva implantación.

Caixa Galicia sabe que querer, coñecer e falar a nosa lingua son un deber e un dereito irrenunciables. Neste senso, no ámbito territorial de Galicia, o emprego do noso idioma xa é frecuente na publicidade e propaganda, na rotulación externa e interna, nas Normas e Notas Informativas operativas interiores e na relación diaria cos nosos clientes, como ocorre na maioría das Oficinas espalladas pola nosa comunidade dentro dunha actitude de aceptación e respecto ás preferencias de cada cliente.

Pola nosa parte tomaremos as medidas oportunas para estudar e analizar o asunto que vostede nos expón e buscaremos a mellor solución para este.

Agradecémoslle as súas opinións e suxestións. Con elas axúdanos a mellorar os servizos que queremos prestarlles aos noso clientes e a vostede en particular.

Reciba un cordial saúdo.

J.G.P.M.
Secretario xeral
A Coruña, 11 de agosto de 2004

Monólogos, artigos e campañas

Monólogos, artigos e campañas

Iniciativas normalizadoras da UdC e da USC

I Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras (para alumnado da UdC). Dúas modalidades: artigo xornalísito e deseño de campaña de promoción lingüística. Prazo: até o 10 de setembro. Premios: 6 premios, desde 900 a 150 euros. Organiza: SNL da UdC. Máis información en: http://www.udc.es/snl/premio.html

Monólogos monolingües (para membros da USC). Concurso de monólogos co tema da lingua como fío condutor. Prazo: até o 15 de outubro. Premios: subscrición a Biblos con vales desde 500 a 200 euros. Organiza: Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Económicas. Máis información en: http://www.usc.es/cnleco/#iniciativas0 (Bases: http://www.usc.es/cnleco/MONOLOGOS.doc; ficha de inscrición: http://www.usc.es/cnleco/formulario.doc).

A ver quen se anima

Ano xubilar?

E ao final parece que este non é Ano xubilar [+].

Publicidade na TVG

A Compañía de Radio-Televisión de Galicia é un ente público con personalidade xurídica propia creado pola Lei de Galicia 9/1984 de 11 de xullo. O seus obxectivos son a posta en funcionamento, xestión e explotación dos medios de comunicación públicos de Galicia e para isto creáronse dúas sociedades anónimas: a Televisión de Galicia S.A. e a Radiotelevisión Galicia S.A., para contribuír á normalización lingüística e á cohesión do tecido social e xeográfico do país.

Estes días estiven analizando bastante por enriba a lingua da publicidade nesta canle e, aínda que non fixen porcentaxes, o uso do galego é practicamente anecdótico. Anotei as empresas, produtos e servizos que nesta canle se anuncian en castelán e nun só corte publicitario xa tiña 17. Mandareilles unha queixa tanto á CRTVG como a cada unha das empresas responsábeis deses anuncios.

Estas son as empresas, produtos e servizos que até o de agora teño anotados:

- Corn Flakes de Kellogg's
- Dodot
- Heineken: info@heineken.es
- Ausonia
- Salsas para pasta Knorr: info@unilever.es
- Merkamueble
- Rexona for men: rexonaformen@rexonaformen.com
- Calvé: info@unilever.es
- Dove
- Atún claro Isabel
- Sunsilk: info@unilever.es
- Findus brasador
- Evax
- Brekkies Excel
- Momen alivio eficaz: customerservice.farmalepori@finaf92.es
- River O
- Luís Escurís Batalla: escuris@teleline.es
- Leche Río: webmaster@leiterio.com
- Viajes Ecuador: info@viajesecuador.com
- Deterxente Skip: info@unilever.es
- Kalia oxi accion max
- Bocatta: atencionalcliente@bocatta.com
- Construcciones y promociones José Antonio Díaz
- Mundo Sofá
- Pans and Company
- Bacardi
- Kia Pîcanto
- Estrella Galicia (algúns anuncios)
- Ford Focus C-Max
- Yatesport
- Amunika
- Ligeresa: info@unilever.es
- Pollo asado mesana
- Armarios Alonso: armariosalonso@armariosalonso.com
- Avecrem: consulta@gallinablanca.es
- Viakal
- Vodafone

(Irei incluíndo as ligazóns e/ou enderezos electrónicos que faltan, para que así todas/os poidades expresar as vosas queixas ou para que lles expliquedes a estas empresas que o galego tamén é útil e eficaz para a publicidade)

Ou aquí ou alá

Ou aquí ou alá

Aínda non sei se quedar aquí ou se ir para alá.
Até o de agora todos os anos fun para alá, pero tamén sempre tiven ganas de quedar algún aquí.

AQUÍ: manifestación, Lamatumbá, Os Cempés, Arianna Puello, Mercedes Peón, Norge Batista, Electric Gypsyland, Xarín, Marea Negra, Palestina, Nacionalismo galego, Anxo Quintela, Tucho Calvo, Francisco Carballo, Carlos Aymerich, Cecilia Pérez Orxe, Iosune Aritzondo, Carlos Amoedo, Pancho Casal, Pilar García Negro, Marica Campo, Susana Costas, Ana Rúa, Olaia Fernández Davila, Cecilia Balboa, Encarna Otero, F.R. Randulfe, Kike Benlloch, Carlos Quiroga, Raquel Miragaia, Bieito Iglesias, Modesto Navarro, Estevo Creus, Francisco Rodríguez, Emma Couceiro, María Lado, Mini e Mero, Manuel Veiga, Luís Bará, Lois Diéguez, Xesús Fraca, Camilo Franco, Pilar Pallarés, Anxo Quintana, Rubén Cela...

ALÁ: casa, familia, canción de tasca, gran premio ícaro de voo sen motor, certame itinerante de canción de tasca, regata de embarcacións feitas á machada e propulsadas a pan de millo, romaría dorneira, campionato mundial de chinchimonei, top secret, gran prix de carrilanas, conciertazo, baile de gala.

Que farei?

A ver se isto vai adiante!

A ver se isto vai adiante!

Despois da presentación do XP en galego, do corrector ortográfico 2.mil3, do novo filme de Shin Chan e de Pinocho 3000, da aceptación de traballos en galego por parte da UNED, do cambio de rumbo do SNL da UdC, do compromiso co galego do Corpo Nacional de Policía, dos plans de normalización da UV, da USC, do Concello de Santiago e do Concello de Ferrol, da creación de novos SNL, das iniciativas galeguizadoras da Federación de Colexios Relixiosos, etc., parece que nos últimos días hai algunha outra boa nova para a lingua galega. Non é todo o bo desexado, pero algo é algo.

O novo fiscal xeral de Galiza, Carlos Varela, tomou posesión en galego e defendeu un maior emprego da lingua no ámbito da xustiza. Tamén Cándido Conde-Pumpido, fiscal xeral do estado, se pronunciou a prol da normalización do galego na xustiza.
En LVG
En Galicia Hoxe
En Vieiros

O novo xefe da policía en Galiza, Luís García Mañá, parece que tamén vai traballar polo uso do galego neste corpo (ata o de agora, no seu cargo de comisario en Vigo, xa leva feito algo).
En LVG

A ver se pouco a pouco se poden ir conquistando estes campos...

De Cyrano

De Cyrano

Todo consiste en desdeñar
a parásita hedra,
ser tenaz como a pedra,
o teu traballo amar,
malia por iso ficar
un pouco máis baixo
do que sería de esperar.
Así, ben o sei,
nunca medrar poderei
pero a limitación admiro
polo pracer que sinto
en camiñar sempre só.

Maribel*

Maribel ten unha hortiña, e nela planta cebolas, e planta repolos, e tomates e pementos, e gústalle coidar a hortiña, e tela limpa, bonitiña, arrincarlle as herbas, que dea bos froitos, porque os froitos da súa hortiña para ela son os mellores, porque son dela, porque os coida ela, e mímaos, e cómeos. Maribel podía comprar as cebolas e os repolos, ou os tomates e os pementos, pero non é o mesmo, porque os da súa hortiña son dela, e como son dela, para ela son os mellores e, para que vai querer os de fóra? Maribel ten ollos e oídos e ela ben ve o que hai. Maribel ve que hai xente que quere aparentar máis do que é e hai xente normal, coma ela, á que lle dá igual, e entón, á xente normal á que lle dá igual, á que non lle importa, di: «eu chego á casa e planto cebolas ou sácolle as herbas aos repolos», entón esta xente non ten problema ningún, e vive moi tranquila e feliz, como Maribel e como moitas como Maribel; pero hai outra que, claro, non ten unha hortiña para botar cebolas, non ten nada, entón só pode falar, pois, de ir de compras, e ir á cafetaría, ou «me fui ayer al gimnasio» ou «me fui a tal o me fui a cual» porque, claro, queren vivir unha vida máis fina, entón hai dous bandos, hai o bando que di: «ai, Maribel, no traes las uñas nada cuidadas», e Maribel dilles «e que, claro, fun sacarlles as herbas aos repolos e téñoas un pouco descoidadas». «Ai, Maribel, tienes que pintarte las uñas e irte a la peluquería y teñirte el pelo y hacerte unas mechitas», e Maribel dilles «pero eu estou moi a gusto así». Maribel pensa que hai dous bandos, como pensa que hai en todos os sitios. Como por exemplo coa xente hipotecada. Maribel ve que a xente hipotecada se ten por máis fina que a que está sen hipotecar, porque a xente que quere ser fina, a maioría da xente que quere ser fina, ou vive de alugueiro ou está toda hipotecada; e iso ben o ve Maribel porque iso nótase. Maribel tamén vai á cafetaría e vai de compras, tamén vai ao fútbol, pero tamén coida a súa horta para que estea limpiña e dea bos froitos. Maribel non está hipotecada, nin vive de alugueiro, porque para Maribel o dela é o mellor.

*O nome non é real, mais ela si (é a nai dun amigo).

Unha historia

Tomaba a penúltima copa acompañado
por unha soidade que se mofaba del.
Chegara a aquela esquina da barra
sen fixarse en nada do que alí sucedía.
Daquel lugar fixo o seu apousento:
a mirada fundida no vaso
e as mans entretidas cun isqueiro.
Maldita sexa a culpa que o trouxo alí,
a culpa trocada en desesperación,
a puta culpa que o deixou só.
Unha muller,
aquela cara só podía estar provocada
polo desamor dunha muller.
A rabia, o puñazo na barra, o berro
as siluetas que detrás del non deixaban de brincar
a cor das luces, o ruído, moito ruído...
os ollos húmidos, o mecagoendios
a mirada ao teito pedindo explicacións
o pesadelo que era estar alí.
Unha forte e repentina explosión.
Chorou.
Que triste o fume gris do seu tabaco negro
que tristes os ollos negros daquel home gris
o home gris que fumaba negro
os ollos negros tras o fume gris.
Unha historia,
a historia imaxinada pola xente que o miraba.

A hora da concepción perfecta

Vaise achegando a hora da concepción perfecta
a hora exacta da recuperación da noción tempo
a hora concreta da ampliación da noción espazo,
a hora de vivir sen sentir,
sen sentir a emoción.
Que non morra a emoción
ese algo que vive e que non se ve,
o alento sobrenatural de misterio,
a emoción.
Chega a hora de esquecerse da lenda
a hora... agora...
Agora medrades sen medrar,
necios letrados fillos de sabios analfabetos,
medrades sen sentir, vivides sen sentir,
sen sentir a emoción.
Que non morra a emoción
nin a lenda, nin o misterio, nin a memoria.
Que tampouco morra a memoria
o segredo dos sabios
a base do criterio
o principio da crítica
o apaixonante motor do nós mesmos,
a memoria.
Mais achégase a hora da concepción perfecta.
Sede conscientes.

A (nosa) política festivo-cultural

A (nosa) política festivo-cultural

Loxicamente a programación festivo-cultural do Xacobeo (Jaco veo Jaco quiero) recibiu moitas críticas e foi obxecto de polémica. Loxicamente (outra vez). No Parlamente pediuse que polo menos a metade das actuacións fosen galegas. Loxicamente (por terceira vez).

Agora ben; que ofrecemos nós? Cales son as alternativas que damos? Cal é a nosa proposta? Que fariamos se estivesemos gobernando? Cal é, en definitiva, a nosa política cultural?

Para comprobar cales son as nosas propostas festivo-culturais reais (non promesas) podemos mirar a programación das festas de alí onde gobernamos (é un bo método, non?). Por exemplo, estes días van ser as festas de tres concellos nacionalistas: Boiro, Carballo e Poio. Brevemente, esta é a programación festiva:

Festas de Boiro
Los Pecos, Loquillo, El Hombre Gancho, Danza Invisible, Leilía e Treixadura. Típicas verbenas con orquestra, grupos tradicionais e bandas de música.

Festas de Carballo
Los Caños, Alú, Modestia Aparte, Le Punk, Amparanoia e Luar na Lubre. Verbenas con orquestras. Bandas de gaitas. Corais.

Festas de Poio
Mercedes Peón, Trébol de Ferrol, Nueva Moda, Orquesta Compostela, Na Lúa, Satélites, Tango, Solara, Ismael. Bandas de música. Corais. Grupos populares.

Cal é a nosa política cultural?

Estamos aquí

Por cuestións de última hora e contra prognóstico puiden pasar finalmente pola Agrofesta, aínda que de pasada e sen a indumentaria axeitada (síntoo). Ben o conta Paleon na súa crónica. Todo moi ben. O sábado e o domingo estiven nas festas da miña parroquia. Tamén todo moi ben. Onde non puiden estar foi na Festa do cu ao aire, en Aguiño, coa Compañía do ruído e con ameazas dalgunha asociación.

Hoxe alégrome de que a comarca do Barbanza conte cun novo medio de comunicación, Vieiros Barbanza, unha edición local de Vieiros xestionada por Adolfo Muíños. Isto era necesario e urxente.

De festas

Ademais da Festa Agropop-art, esta fin de semana teñen lugar moitas outras. Entre elas as da miña parroquia.

Estades todas e todos convidados.

Venres 18

Pola noite: festa rachada coas orquestras Triunfo e Filadelfia

Sábado 19

Pola tarde: xogos infantís (festa da espuma, camas elásticas, inchables, etc.), V Campionato Mundial de Chave, Partido Solteiros sen compromiso vs. Casados ben amarrados, I Campionato de futbolín, Campionato de fútbol sala, Tiro da corda, etc.
Pola noite: festa rachada coas orquestras América e Colores

Domingo 20

Ao medio día: Gran sardiñada, con sardiñas, churrasco, pan de millo e viño de balde para todos/as os/as asistentes.
Pola noite: festa rachada co trío 3.com e coa actuación do humorista pontevedrés Somoza.

Todas as actividades terán lugar no contorno do Centro Recreativo, a excepción do partido de fútbol, que terá lugar no Campo de Trumiáns.

Transporte
Aloxamento
Teléfonos de interese

De momento esta festa non vai ser censurada, pero outra do ladiño pode ser que si... Para que vexades como é algunha xente da zona por onde eu vivo, LEDE ESTA NOVA de hoxe...

Polo xeito de mirarche

Polo xeito de mirarche diría que che odio
e non quero que sexa certo
non podo dicir que non che quero
mais non che quero ver así.
Debería falar e calo
non deixo de estar calado
morro por dicir o que non digo
e digo que non falo.
Loito e non loito, mais quero
quéroche e non che quero, mais loito.
O loito para cando morras,
e non morras! Non che deixamos morrer!

Existe un paraíso habitado por violadores
por asasinos, degoladores e capadores
que se botan enriba dun até acabar con el.
E matan, sempre matan.
Rouban e condenan ladróns
matan e condenan asasinos
e o paraíso non esperta
non o deixan espertar
porque tamén lle roubaron o seu sono
porque tamén lle roubaron o seu soño.

Terra e mar!
Chuvia e ar!
Axudádeme!

A terra acabará enterrándoos
e o mar afogándoos.
A chuvia borrará as pegadas
e o ar faranos espertar.

Xa veredes!