Blogia

DEPÓSITO

Conciencia nacional?

Conciencia nacional?

O sábado tiven que asistir a unha asemblea na miña parroquia. O tema era sobre un monte da comunidade que se lle alugou a unha empresa. O terreo que se lle cedeu era duns 5.000 metros, e a empresa desterrou uns 19.000. A cuestión era como amañar agora iso: retirarlle a concesión?, pedirlle indemnización?, denunciala?, etc. Á asemblea asistiron unhas 200 persoas, todas bastante participativas. Un dos asistentes pediu a palabra e comezou a falar en castelán..., sorrisos e murmurio..., entón alguén dixo en voz alta: e logo ti non podías falar en galego, para que todos che entendamos? Aplausos (e risas) de todos/as os/as asistentes.

A continuación reproduzo os resultados das Eleccións europeas 2004 na miña parroquia:

PP: 193 votos
PSOE: 80 votos
BNG-GALEUSCA: 41 votos
IU: 2 votos
Outros: 0 votos
En branco: 0 votos
Nulos: 0 votos

Censo: 625
Votantes: 316
Porcentaxe de participación: 50,56%

Conciencia nacional?

Gasosa: bebida agropop?

A gasosa é unha bebida composta pola mestura de auga, gas, sacarina e ciclamato que todas e todos temos –ou tiñamos– nas nosas casas, servida a domicilio. Antigamente o reparto facíase en carros de cabalos, despois en moto-carro e finalmente cun camión.

É curioso que até o ano 1816 as gasosas só se podían vender nas boticas, pois estaban consideradas preparados medicinais.
Está claro que até hai ben pouco a empresa gasoseira galega era importante nas pequenas e medianas vilas. A primeira empresa de gasosas galega fundouse en Compostela en 1886. A partir desa data en case todos os concellos do país había unha fábrica para producir primeiro gasosas brancas e posteriormente de limón, de laranxa, sifóns e rasodas (refrescos de cola). Estas repartíanse polas casas e viñan en botellas retornábeis de vidro dun litro e con tapón mecánico de plástico, metal e goma laranxa para que non perdesen o gas. Todo o mundo coñece, mercou, probou, veu, etc., Gasosas Maruxa, Pitusa, Suárez, Teimar, Barbanza, Fonte Roca, Abelleira, Lidia..., e como non, La Revoltosa e La Casera. En toda mesa á hora de xantar tiña -ou ten- que haber gasosa.

A penetración de novos refrescos polas multinacionais fixo que retiraramos as nosas gasosas de enriba do mantel e polo tanto tamén fixo case desaparecer as pequenas fábricas, aínda que algunhas aínda resisten. Fagamos que poidan seguir vivindo, xantemos con gasosa.

Galiza, potencia mundial

Galiza, potencia mundial

Alejandro Campos Ramírez (Alexandre de Fisterra) naceu en Fisterra en 1919 e era editor, inventor, escritor, músico e un longo etcétera. Ademais era republicano e estivo exiliado en Francia, Guatemala, México, etc. Coñeceu ao Che Guevara, polo que coñecía ben a Revolución cubana. Tamén foi secuestrado..., toda unha vida da que disque pronto se publicarán as memorias.

No ano 37 Alexandre estaba en Montserrat (Barcelona) convalecente dunhas feridas de guerra, pois fora sepultado por unha bomba en Madrid. Vendo como moitos non podían xogar ao fútbol debido ás diversas feridas e lesións creou un marabilloso invento que tanto fixo -e fai- gozar a tanta xente: o futbolín.

Un invento galego creado por necesidade que chegou a todo o mundo.

Grazas aos Diplomáticos toda Galiza coñece ao inventor do futbolín.

A creatividade aumenta en situacións difíciles.

Non é de estrañar que o Primeiro Campionato de España de futbolín se celebrara en Galiza, en Poio, onde quedou campión Lolo Candal, de Rábade (Lugo), así como tamén foi campión da Copa de Punta Umbría, en Huelva, practicamente un campionato mundial, en 1998.

Está claro: Galiza é unha potencia mundial de futbolín. Cómpre que isto sexa máis potenciado e reivindicado.

Selección Galega Xa!!!

Andan parvas

Dous paxaros en dous días. Entre onte e hoxe asasinei dúas andoriñas.

Onte, cando ía no coche do traballo para a casa, vin que unha andoriña que voaba desconcertada viña cara a min, cara ao meu coche. Era unha andoriña kamikaze, un paxaro suicida que ante a colonizalión mecánica do seu medio natural se lanzaba sobre o meu coche sabendo que ía morrer ela. Tentei evitalo. Tentei apartarlle o coche. Pero nada..., nada. A andoriña bateu nun lateral da parte dianteira. Quixen parar, pero non parei. Seguín e fun mirando polo retrovisor como a andoriña se revolvía no chan, como botando, e como dúas ou tres compañeiras súas se achegaban a ela, como acudíndoa. Non sei cal sería o seu final. Temo o peor. Deume pena, moita pena.

Hoxe, cando viña para o traballo, a escena repiteuse case exactamente igual. Outra andoriña kamikaze. Están en guerra contra nós..., ou andan parvas.

Grafiteiros e picadiscos

Grafiteiros e picadiscos

Grafiteiros e picadiscos daranse cita hoxe e mañá en Ames para un obradoiro que, durante estes dous días, se desenvolverá no Milladoiro e en Bertamiráns. Estes obradoiros representan a antesala dunha programación de ocio alternativo que organiza a Concellaría de Mocidade para o mes de xullo.

Obradoiros alternativos desenvolvidos institucionalmente. Unha opción de ocio para a mocidade que conxuga formación, tempo libre e diversión. Os eixes vertebradores son a intervención no ocio con actividades adaptadas ás necesidades específicas.

Está ben, moi ben. Gústame.

A importancia da promoción institucional

A importancia da promoción institucional

A televisión no Estado español inaugurouse oficialmente o 28 de outubro de 1956. Non hai ningunha dúbida do enorme impacto que supuxo a súa chegada na vida social e familiar, especialmente nos anos sesenta, e non sempre para ben.

Nun primeiro momento era un produto caro, fóra do alcance da maioría da poboación, incluso tiña un imposto de luxo que estivo en vigor desde 1956 até que foi suprimido o 23 de decembro de 1965 (eran 500 pesetas anuais), pois o réxime franquista deuse conta do grande rendemento propagandístico que á televisión se lle podía sacar, polo que ademais de suprimir ese imposto, fomentou unha importante rede de teleclubs. Era ministro de Información e Turismo o señor Fraga Iribarne (1962-1969).

Desde 1953 a 1968 o número de receptores creceu de forma espectacular:

1958: 30.000 televisores no estado.
1963: 300.000 aparatos no estado.
1965: 1.250.000 televisores no estado.
1968: máis de tres millóns.

Cando desde o goberno se quere fomentar algo pódense conseguir moitas cousas.

...e chámannos parvos!

...e chámannos parvos!

Chámannos parvos porque calamos
cando nos chaman parvos
e somos pailáns porque non dicimos nada
cando nos chaman pailáns.
E queren que sexamos personaxes
para que deixemos de ser persoas;
e somos bestas, burras vellas, poetas do carallo
e man de obra.
Eramos escravos e diciamos que eramos emigrantes
porque traballabamos fóra,
e fóra chovía, facía frío, ventaba
e eramos borrachos porque bebiamos augardente
e porcos porque mexabamos nas mans...

... e chámannos parvos!

Orixe

<em>Orixe</em>

Xusto cando acabo de ler a novela Orixe, de Séchu Sende, atópome en Culturagalega.org unha recensión titulada Era postPrestige. Libro I, de Ana Salgado, de Santiago.

Nesta recensión ponse Orixe en diálogo co Retorno a Tagen Ata de Ferrín e co O cervo na torre de Darío Xohán Cabana (dúas magníficas novelas, desde o meu punto de vista) e cualifícase a obra de política ficción e alegoría nacional que mestura ficción e realidade cun certo ton doutrinario e unha correcta incorrección política.

A obra entretece ao longo das súas páxinas dous temas “eternos”: amor e compromiso sociopolítico, pero non creo que a novela sexa de política fición e moitísimo menos que sexa de alegoría nacional. Eu non poñería nunca esta novela en diálogo nin con Retorno a Tagen Ata nin con O cervo na torre. Nestas dúas o que está por diante é a patria, a nación, mentres en Orixe anteponse claramente a sociedade, o compromiso social. Xógase –e incítase– a cambiar a realidade, a activar a sociedade, a comprometela no seu desenvolvemento, cun compromiso moito máis social que patriótico. Nós somos a sociedade, polo que de nós depende o seu desenvolvemento, a súa liberdade, a súa xustiza, a súa activación, a súa non-pasividade.

Véxoo claro: moita máis incitación político-social que político-patriótica nunha magnífica historia de historias políticas e poéticas.

Nós podemos facer da sociedade o que queiramos que sexa.

Eleccións?

Eleccións?

Disque estamos en campaña... Alguén se enterou?

Supoño que alguén si, pero... é esta unha campaña normal? Interésalle o suficiente aos partidos? Interésalle o suficiente aos medios de comunicación? Interésalle bastante a nós, electoras e electores? Hai bastante información? Por que???

Por que os medios de comunicación non fan especiais? Por que os partidos non fan o mesmo esforzo -ou parecido- que noutras ocasións?

Os niveis de abstención parece ser que van ser altísimos... estase facendo o suficiente por evitalo? Por que non? Está interesando a abstención? Que é o que está a pasar? Crise electoral? Crise política? Crise democrática?

Música nosa

Música nosa

Onte merquei un disco, Música pola liberdade dos pobos, que sacou Galiza Nova. Neste disco hai música galega (Diplomáticos, Lamatumbá, Roberto Sobrado, Carballo, etc.) e música non galega (Víctor Jara, Fermín Muguruza, Inadaptats, etc.). O disco a min paréceme unha pasada.
O conto é que o prezo do disco é de 3 euros!!! E aínda lles dá ganancias!!! Vale, non hai dereitos de autor, non hai traballo de estudo, etc., pero, por que temos que pagar 20 euros por moitos outros discos?
A ver se as institucións se animan a promocionar a música galega, que hai moita e moi boa (e máis alá do folk!).

Comezo

Doulle inicio a este DEPÓSITO.
A calidade da bitácora non é moi boa, pero é que son novo nisto.
A ver se nel son quen de ir depositando cousas de interese.
A ver...