Blogia

DEPÓSITO

www.blogoteca.com/deposito

www.blogoteca.com/deposito

Pois agora estou na Blogoteca:

www.blogoteca.com/deposito

 

Advertencias desde Sanidade polo uso do galego

Advertencias desde Sanidade polo uso do galego

XUNTA DE GALICIA
CONSELLERÍA DE SANIDADE
Delegación Provincial da Coruña

Servizo de Protección da Saúde

 

Eurofruit santiago S.L.
Polig. Ind. del Tambre
Mercagalia
Santiago de C. A Coruña

 

Asunto: Etiquetado de frutas

 

En relación co correcto etiquetado de frutas, o Real Decreto 1334/199, do 31 de xullo, sobre Norma Xeral de etiquetado, presentación e publicidade dos productos alimenticios, no seu artículo 18 establece:

"Las indicaciones obligatorias del etiquetado de los productos alimenticios que se comercialicen en España se expresaran, al menos, en la lengua oficial del Estado"

No caso de que nas inspeccións rutineiras realizadas polos Servizos Veterinarios Oficiais de Saúde Pública se constate o imcumprimento da citada lexislación, tomaranse as medidas oportunas por parte da Delegación Provincial de Sanidade.

A Coruña, 30 de mayo de 2006

O XEFE DE SERVIZO

 

FRANCISCO JAVIER FERRERAS DÍEZ

 

(Ademais da barbaridade do contido e advertencia, as numerosas faltas de ortografía e os castelanismos tamén son dese xefe de servizo) 

A advertencia en .pdf.

Na Mesa

Na Voz

 

Per loca

Per loca

PRESENTACIÓN MUNDIAL DA PER LOCA

  • Galegoz 
  • Safari Orquestra
  • Zënzar

Sábado 1 de xullo

Praza do Concello

Carballo

Todo en: http://www.komunikando.net/komunikando/ 

QUE É?

  • Punto de encontro de música galega non subvencionada
  • Foro de debate para cuestionar o panorama vixente, recoñecer carencias, crear unha base estrutural…
  • Concertos
  • Discos
  • Compañía do ruído, Matraca perversa, Banda potemkin, Dandy fever, Dios ke te crew, Galegoz, Lamatumbá, NonResidentz, O Leo i arremecaghona, Projecto Mourente, Ruxe-Ruxe, Safari orquestra, Skacha, Skárnio, The homens, Zënzar, e moitos, moitos máis...

Sarabanduxa

Sarabanduxa

5 de agosto

Boiro

>Lamatumba >Tokyo sex destruction >El columpio asesino >Phantom Club >Haiku >Nao >Actividades deportivas >Zona de acampada >Graffiti >Proxeccións audiovisuais >Paintball >Asociacionismo >>>E moito máis

Organizan: Galiza Nova do Barbanza, Arelas, Nova Barbantia, Cruz Vermella Xuventude, Concellaría de Mocidade do Concello de
Boiro e Dirección Xeral de Xuventude da Xunta

Datos, museos e artes

Datos, museos e artes

De onde eu son, somos, segundo o censo de 2004, 749 habitantes (387 mulleres e 362 homes) e estamos distribuídos en 13 entidades de poboación.

Non sei exactamente o número de asociacións que temos, pero 7 xa as conto eu. Isto é, hai, cando menos, unha asociación por cada 107 habitantes.

Entre outras cousas, temos tamén dous museos, un deles moi ambicioso e de pouco éxito e difusión, e o outro, noso, de moito éxito (aínda que de momento, de tamén pouca difusión).

Para seguir cos datos, temos un museo por cada 374,5 habitantes (isto é, un museo por cada 193,5 mulleres e por cada 181 homes).

No que temos pero que non é tan noso, o Museo do Gravado de Artes, xa estivo un tal Goya e un tal Dalí, un tal Velázquez, un tal Van Dyck, etc., e proximamente disque estarán Miró, Rubens, Hogarth... Eu non puiden ir velos, pois cando estou por alí, os domingos, o museo está pechado. A maioría dos meus veciños e veciñas tampouco foron á maioría das exposicións, pois os que foron xa se encargaron de comentar que non valía a pena, que pouco había que ver. Quizais isto non sexa para nós.

No que tamén temos e que si é noso, o Museo Etnográfico de Artes, estamos todas e todos representados. Hai máis de 1.100 pezas da casa da Carballeira, da casa da Pataca, da de Domitila, da de Viñas, da de Orellán, etc., etc., etc. O sistema de restauración, catalogación, etc., tamén é noso... Se queredes velo, pasade por alí. Quizais o único que lle falte é un pouco máis de difusión e quizais tamén un pouquiño máis de implicación do Concello e dos centros de ensino da comarca, pois cómpre que se fagan visitas guiadas cos nenos e nenas dos colexios.

No resto do concello non hai máis museos, pero a sensibilidade da corporación, nomeadamente do concelleiro de "cultura e festexos" (non é por putear, así se chama a súa concellaría) impulsará proximamente un, "para dar cabida a las muñecas ataviadas con trajes "regionales" confeccionadas por nuestra hija adoptiva Magdalena Bringas, presidenta de la Asociación de Amas de Casa".

A muiñada de Amendo

A muiñada de Amendo

MOENDA, FORNADA, XANTAR COMPARTIDO, ACTUACIÓNS ESTELARES, XOGOS POPULARES, GAITEIROS, GAITEIRAS, CHARANGA DORNEIRA, O LEO, FESTA...

Todo, este sábado 20, a partir das 12.00 h, por alí por Carreira, Ribeira, pretiño do CIELGA, no Vilar, ao lado de Frións...

Manifesto Engalegopuntogal da Asociación Cultural Altofalante

Desde o ano 1963, cada 17 de maio celebramos e reivindicamos en Galiza as nosas letras e a nosa lingua. Agora, a partir deste 2006, o mesmo día celebraremos ademais o Día de Internet, que pola súa vez coincide co Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebra xa desde 1969. Por esta razón, desde a Asociación Cultural Altofalante queremos difundir o Manifesto Engalegopuntogal do 17 de maio.

O 2006 pode ser determinante para o futuro do galego e para a presenza de Galiza en Internet:

INTERNET

Este ano inicia a suma de forzas para a presenza da nosa cultura, da nosa lingua e do noso país na rede con identidade e cun dominio propio.

Hai unhas semanas, coa constitución da promotora da Asociación Puntogal, comezou o proceso para que se sumen esforzos no noso país e se poida conseguir.

Por isto, a Asociación Cultural Altofalante fai un chamamento ao conxunto da sociedade, nomeadamente ao movemento asociativo, ao mundo da comunicación, ao ámbito empresarial e a todas as entidades públicas galegas para unir forzas e acadar o dominio .gal para o noso país. Ao mesmo tempo, a Asociación Cultural Altofalante apoiará todas as accións promovidas desde a Asociación Puntogal en prol do dominio galego en Internet.

LINGUA

A nosa lingua, a lingua propia do noso país, sofre unha situación social e legal de anormalidade, pois socialmente aínda non é a lingua de uso normal en todos os ámbitos e legalmente aínda non ten recoñecido o mesmo estatus que o castelán.

A partir deste mesmo ano temos a oportunidade de comezar a mudar esta situación co novo Estatuto de Galiza, que lle debe dar ao noso idioma, cando menos, o mesmo estatus legal que ao castelán. Todos os galegos e todas as galegas debemos ter o deber de coñecer e o dereito a usar a nosa lingua e, consecuentemente, para ter garantido ese dereito, todas as traballadoras e todos os traballadores das administracións públicas con presenza en Galiza deben ter a obriga de coñecer o galego.

Polo tanto, desde a Asociación Cultural Altofalante, pedímoslles a todas as organizacións políticas a unanimidade necesaria para incorporar no novo Estatuto o estatus que o galego precisa; unanimidade que, por outra banda, xa se acadou en 1983 cando todas as forzas parlamentarias votaron a favor de que todos os galegos e todas as galegas tivésemos o deber de coñecer e o dereito a usar a nosa lingua, decisión que, por querer incorporarse nunha lei sen estar recollida no Estatuto, non foi aceptada polo Tribunal Constitucional. Agora é o momento de retomar o acordo.

Tamén facemos un chamamento ao conxunto da sociedade galega para que reivindique ante as forzas parlamentarias a responsabilidade de retomar esa unanimidade política.

Por todo isto, a Asociación Cultural Altofalante apoia a manifestación que con este motivo convoca a Mesa pola Normalización Lingüística que terá lugar en Santiago de Compostela o 17 de maio e fai un chamamento para que se participe activamente nela.

100% algodón

100% algodón

1.º CONCURSO GALEGO DE DESEÑO DE CAMISETAS

Interesante concurso da Asociación Cultural Arela do Porriño, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galiza e o Concello do Porriño.

Cada concursante pode presentar dous traballos.

A data límite de entrega de traballos é o 31 de maio.

Máis información e bases completas aquí.

(As vantaxes de ter un deseñador na casa...)

Falando amodo sobre... A promoción social do uso da lingua galega

Falando amodo sobre... A promoción social do uso da lingua galega

  • Organizan:
  • Colaboran: La Voz de Galicia e A Mesa pola Normalización Lingüística
  • Lugar, data e hora: Auditorio de Ribeira, venres 31 de marzo ás 20.30 h
  • Durante o acto tamén se presentará o número 13 de A Voz de Barbantia
  • Participan:
      • Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura e Deportes
      • Carlos Manuel Callón Torres, presidente da Mesa
      • Caetano Díaz, director do xornal Galicia Hoxe
      • Francisco Fernández Rei, membro da Real Academia Galega, do Instituto da Lingua Galega e catedrático da USC
      • Ramón Ares, delegado de La Voz de Galicia no Barbanza
      • Luís Teira Parada, presidente de Altofalante
      • Xosé Ricardo Losada, secretario de Barbantia

Motivación da actividade:

O idioma claramente maioritario no Barbanza no que a usos orais e informais se refire é o galego, mais a pesar disto a situación sociolingüística é bastante adversa para a lingua propia de Galiza, pois aínda que é maioritaria neses usos orais e informais está practicamente invisibilizada nas relacións socioeconómicas formais, cunha perda de falantes continua entre a xente nova, apenas empregada nas actividades publicitarias e nos medios de comunicación, até o de agora pouco reivindicada desde ámbitos asociativos locais e sen unha promoción planificada, decidida, continua e estábel desde a administración.

Historicamente a defensa e reivindicación lingüística mantívose desde o asociacionismo cultural, mais agora son tempos no que o proceso de normalización lingüística está institucionalizado e debe ser asumido por toda a sociedade, mais ser impulsado polas administracións en todos os ámbitos da vida e reivindicado tamén desde o asociacionismo. Cómpre implicar no proceso normalizador a todo tipo de asociacións, a todas as institucións, ao empresariado, a todas as organización políticas e sociais, etc., xa que só deste xeito se poden conseguir avances para o galego, pois a normalización lingüística é un proceso social participativo que, ou é protagonizado pola propia sociedade, que se implica nun proceso de cambio, ou non se consegue. E para implicar á sociedade hai que dinamizala, e para dinamizala fan falta recursos, ideas, traballo..., e compromiso político para converter a política lingüística en algo prioritario para a sociedade galega.

Por estas razóns, desde as asociacións culturais Altofalante e Barbantia queremos xuntar a diversas persoas responsables ou membros de diversas entidades (de goberno, académicas, sociais e privadas) para analizar conxuntamente a situación sociolingüística do Barbanza e do país, as políticas de promoción lingüística e o papel do asociacionismo cultural e das entidades representadas na promoción social do uso do galego.

Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Premio a artigos xornalísticos de opinión inéditos que traten o tema da promoción lingüística, a situación sociolingüística, a normalización, os dereitos, a lexislación, etc.

Premios económicos e de publicación dos artigos en 8 xornais galegos.

Convoca o Concello de Carballo.

Prazo de presentación, até o 21 de abril.

As bases completas, aquí.

Manías...

[Vén Derdeiqui (aínda que con atraso)].

Das distintas acepcións que os nosos dicionarios lle dan a manía, vou coller a 3 do GDXL, que é: ’Gusto excesivo ou afección esaxerada por algo; teima’. Desboto, xa que logo, outras do estilo: ’desequilibrio mental’, ’excitación forte e obsesiva’, ’costume raro e inxustificado’, ’aversión infundada contra alguén’, ’mala vontade’, etc.

(Non sei nin cantas manías hai que pór nin a cantos blogs hai que lle pasar a bóla...).

POR EXEMPLO:

  • Non perdoar o café só en vaso de cristal con cigarro antes de saír da casa pola mañá.
  • Non perdoar o leite frío con colacao antes de meterme na cama pola noite.
  • Non usar reloxo de pulseira.
  • Afeitarme os domingos pola mañá e estando en xaxún.
  • Ter ducias e ducias de folios A4 dobrados pola metade e metidos en axendas, libretas, libros, bolsos, carpetas, etc., nos que anotei cousas (e que nunca aparecen cando teñen que aparecer).

[Vai para, por exemplo: O Leo i ArremecaghonaPaleónAbrilsempre, Caladinha, Acedre (a ver se atino con que ningún blog repita)].

Fadesa recalificará a Praza de San Pedro

Se va el caimán, se va el caimán, se va para el Vaticano...

Miraxes II

Miraxes II

O pasado 22 de xaneiro escribín un post sobre o novo programa da TVG Miraxes.

En resumo, dicía que me parecía ben, mais que me parecerían mellor que houbese outros contidos, que se soubese máis sobre outras cousas...

Logo desta fin de semana, Miraxes comeza a semellarse moito ao programa que eu agardaba...

Parabéns!

Next blog

Un día estiven por Blogspot adiante visitando bitácoras ao chou e gardei algunhas ligazóns.

Hai de todo: Totallct, Blade Runner, My Exercise Log 2006, Fotografia, Shaiwal Manasi Wedding Photos, Liga, Ballhoneys, Drakouna, Inthepink4sure, Sade ve Sessiz, Jiannn, My Tri Jounal, Maktoub...

O conto dunha vida

O conto dunha vida faino cada un
se pode, se lle deixan
se atende á desorde como delicia
como pracer que ispe a cabeza
esa cabeza que apoio na almofada
e inventa tolerías. U-la razón?
Preciso de compaña e métome en min.
Incansábel vou máis alá.
Sumo fantasías e aparezo eu
nesa harmonía feita con discordancias.
A harmonía é o boureo arrítmico da vida
a imprecisión de cada quen
a desorixe de cada can.
Abro a fiestra que me amosa o mundo que non hai
pero que eu vexo.
As cousas pasan porque pasan.
Vivir é ver.
Vivo (porque vexo) o que pasa (porque pasa)
no mundo que non hai (pero que eu vexo).
Non sei.

O insultante señor Sillón-T

O insultante señor Sillón-T

Non dou aprendido. Sei que me fai mal, que me altero cada vez que o leo, que non é bo para a miña saúde, pero..., cunha certa curiosidade e tamén certa dose de masoquismo aínda ás veces o sigo lendo. Por iso teño a sospeita de que boa parte dos seus lectores e das súas lectoras persiguen o mesmo que moitos/as que escoitan a Jiménez Losantos ou len a Pedro Arias, Blanco Valdés, Pedro J. ou Ansón (sinten curiosidade, queren rirse un pouco e acaban enfurecidos/as).

O conto é que o insultante señor Sillón-T a semana pasada parece que vía en perigo os dereitos de toda a cidadanía española, a lingua de Cervantes, de 20 nacións e de 400 millóns de persoas, o sistema democrático e a integridade do Estado español polo feito de que alguén tivo a ousadía de enviarlle a el, nin máis nin menos que a el, unha carta desde as "Vascongadas" co cuño de "franqueo pagado" nunha lingua que non era a "común española".

Esta semana a cousa está aínda máis chunga (cómpre botar man da súa académica linguaxe). O Psoe busca un putiferio insolidario onde cada "perro lame su ciruelo". O PP "meapilas". IU imbécil. Todos "gilipollas" porque teñen medo que os chamen fachas. E mentres tanto os nacionalistas conseguindo cousas sen ter que pegar tiros e sen que Franco bombardee Barcelona. Xa está ben, non!?

E todo porque un seu amigo, José Manuel, non atopa traballo en Barcelona porque non sabe catalán. Onde queda a puta igualdade de oportunidades? E seguro que para máis inri aínda lle pedirán que teña coñecementos de informática! E para algún traballo que saiba algo de inglés! E se chega a querer ser comercial non me estrañaría que lle obrigasen a ter facilidade de comunicación! Foder, non hai dereito!

Vale. Estou de acordo en que neste putiferio a xente poida falar como lle saia dos collóns. De feito, quero que aquí a xente fale como lle saia dos collóns. O que pasa é que eu aquí tamén quero falar no que me sae (e non precisamente dos collóns). E se quero dirixirme ao meu concello en galego, a funcionaria ou funcionario de turno terá que saber galego. E se me quero casar en galego, o xuíz ou a xuíza de turno terá que saber galego. E se quero recibir educación en galego, o mestre ou mestra de turno terá que saber galego. Iso é o que entendo eu por dereitos e por un Estado que vele para que todos sexamos iguais e teñamos as mesmas oportunidades.

O tema está en que os dereitos individuais na administración rematan onde empezan os dereitos individuais da cidadanía, señor Sillón-T. E eu quero ter dereito, señor Sillón-T, a poder usar a "miña" lingua perante a "miña" administración. Se deus e vostede, señor Sillón-T, mo permitides.

Miraxes

Miraxes

Paréceme ben Ouvirmos. Paréceme estupenda Mercedes Peón. Paréceme fenomenal a exposición do MACUF e aínda máis a da Eugenio Granell. Paréceme marabilloso que actuara a Sinfónica de Melide. Paréceme ben que esta semana actúen a Sinfónica, a Filharmonía e The Soundtrack of our Lives + Sloan...

Pero pareceríame mellor que se soubera algo máis, por exemplo, de todo o que está fervendo na rede coas 1.000 bitácoras en galego e centos de iniciativas de todo tipo; dos tamén 1.000 grupos que andan a facer boa música en galego e de todos os estilos; de moitos outros concertos, recitais, contacontos..., que seguro que hai por aí en moitos pubs espallados polo país adiante; de máis xente nova, activistas culturais, asociacionismo, presentacións de libros, etc., etc., etc.

Pareceríame mellor que se souberan máis cousas de Ruxe Ruxe, A Compañía do Ruído, The Homens, A banda de Poi, Dios ke te Crew, O Leo i Arremecaghona, A Matraca Perversa...

Pareceríame mellor que se souberan máis cousas sobre que é iso de Blogaliza, Paleón, As túas balas, Caladinha, As Crónicas Prusianas, Todonada, Días estranhos...

Pareceríame mellor que se souberan máis cousas sobre Arredemo, Aduaneiros,  Edicións da Rotonda, A Gentalha do Pichel, Radios Livres...

Pareceríame mellor que se souberan máis cousas sobre...

Por parecer, tampouco me parecía mal Con C de Cultura.

Fumar non, aprender a escribir menos

Fumar non, aprender a escribir menos

Ministerio de Sanidade e Consumo:

8 palabras, 2 faltas de ortografía.

A nova recólle Vieiros para o caso galego e Vilaweb para o caso catalán (a incompetencia e incultura do Ministerio non é so con respecto ao galego) [No es pot fumar, però sí fer faltes d'ortografia].

oiac@msc.es (Enderezo electrónico da Oficina de Información e Atención á Cidadanía do Ministerio de Sanidade e Consumo)

Selección galega de fútbol: algúns detalles [case sen importancia...]

Selección galega de fútbol: algúns detalles [case sen importancia...]

Selección galega xa!... Desta foi!

O día 29 ás 21.00 h hai que estar no Estadio de San Lázaro!

Guste máis, guste menos o fútbol, ten que ser unha gran festa!

Gañemos ou non, Galiza nación! [Cómpre ir ensaiando os cantos... (ideólogos e ideólogas, creade lemas -o aquí reproducido foi creado por unha ideóloga nunha noite compostelá-)].

É tanta a ilusión da xente que xa dan igual moitos detalles [case sen importancia]:

  • Que a selección galega de fútbol foi presentada en Madrid e non aquí: Galiza ceibe, poder popular!
  • Que o deseño da camisola non lle gustou á maioría da xente: non pasa nada, a partida está gañada!
  • Que a camisola e a bufanda oficiais custan unha auténtica barbaridade e que ademais podes ir lucindo publicidade da galeguísima caixanova [se entras no seu web, intenta buscar a versión no idioma do país], ir lucindo o lema Zico España [fai o mesmo que co outro web], etc.: a vindeira tumbadela, tocaralle a Castela!
  • Que no país tecnolóxico que temos case toda a información se centralice na rede, que as entradas só se poidan mercar nun sitio, que a xestión das entradas para grupos foi un auténtico desastre...: Con esta vitoria, faremos historia!
  • Que xa antes de comezar hai polémica: O dobre de caña, levaría España!

 

[Este espacio está patrocinado por Caixanova, Estrella Galicia y Gadis]