Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Se muestran los artículos pertenecientes a Junio de 2004.

01/06/2004

Orixe

abeja.jpgXusto cando acabo de ler a novela Orixe, de Séchu Sende, atópome en Culturagalega.org unha recensión titulada Era postPrestige. Libro I, de Ana Salgado, de Santiago.

Nesta recensión ponse Orixe en diálogo co Retorno a Tagen Ata de Ferrín e co O cervo na torre de Darío Xohán Cabana (dúas magníficas novelas, desde o meu punto de vista) e cualifícase a obra de política ficción e alegoría nacional que mestura ficción e realidade cun certo ton doutrinario e unha correcta incorrección política.

A obra entretece ao longo das súas páxinas dous temas “eternos”: amor e compromiso sociopolítico, pero non creo que a novela sexa de política fición e moitísimo menos que sexa de alegoría nacional. Eu non poñería nunca esta novela en diálogo nin con Retorno a Tagen Ata nin con O cervo na torre. Nestas dúas o que está por diante é a patria, a nación, mentres en Orixe anteponse claramente a sociedade, o compromiso social. Xógase –e incítase– a cambiar a realidade, a activar a sociedade, a comprometela no seu desenvolvemento, cun compromiso moito máis social que patriótico. Nós somos a sociedade, polo que de nós depende o seu desenvolvemento, a súa liberdade, a súa xustiza, a súa activación, a súa non-pasividade.

Véxoo claro: moita máis incitación político-social que político-patriótica nunha magnífica historia de historias políticas e poéticas.

Nós podemos facer da sociedade o que queiramos que sexa.
01/06/2004 13:22 Enlace permanente. Tema: Hay 4 comentarios.

02/06/2004

...e chámannos parvos!

faenando.jpgChámannos parvos porque calamos
cando nos chaman parvos
e somos pailáns porque non dicimos nada
cando nos chaman pailáns.
E queren que sexamos personaxes
para que deixemos de ser persoas;
e somos bestas, burras vellas, poetas do carallo
e man de obra.
Eramos escravos e diciamos que eramos emigrantes
porque traballabamos fóra,
e fóra chovía, facía frío, ventaba
e eramos borrachos porque bebiamos augardente
e porcos porque mexabamos nas mans...

... e chámannos parvos!
02/06/2004 13:21 Enlace permanente. Tema: Hay 3 comentarios.

03/06/2004

A importancia da promoción institucional

Zenith-1.jpgA televisión no Estado español inaugurouse oficialmente o 28 de outubro de 1956. Non hai ningunha dúbida do enorme impacto que supuxo a súa chegada na vida social e familiar, especialmente nos anos sesenta, e non sempre para ben.

Nun primeiro momento era un produto caro, fóra do alcance da maioría da poboación, incluso tiña un imposto de luxo que estivo en vigor desde 1956 até que foi suprimido o 23 de decembro de 1965 (eran 500 pesetas anuais), pois o réxime franquista deuse conta do grande rendemento propagandístico que á televisión se lle podía sacar, polo que ademais de suprimir ese imposto, fomentou unha importante rede de teleclubs. Era ministro de Información e Turismo o señor Fraga Iribarne (1962-1969).

Desde 1953 a 1968 o número de receptores creceu de forma espectacular:

1958: 30.000 televisores no estado.
1963: 300.000 aparatos no estado.
1965: 1.250.000 televisores no estado.
1968: máis de tres millóns.

Cando desde o goberno se quere fomentar algo pódense conseguir moitas cousas.
03/06/2004 13:21 Enlace permanente. Tema: Hay 2 comentarios.

04/06/2004

Grafiteiros e picadiscos

Grafiti.jpgGrafiteiros e picadiscos daranse cita hoxe e mañá en Ames para un obradoiro que, durante estes dous días, se desenvolverá no Milladoiro e en Bertamiráns. Estes obradoiros representan a antesala dunha programación de ocio alternativo que organiza a Concellaría de Mocidade para o mes de xullo.

Obradoiros alternativos desenvolvidos institucionalmente. Unha opción de ocio para a mocidade que conxuga formación, tempo libre e diversión. Os eixes vertebradores son a intervención no ocio con actividades adaptadas ás necesidades específicas.

Está ben, moi ben. Gústame.
04/06/2004 13:21 Enlace permanente. Tema: No hay comentarios. Comentar.

08/06/2004

Andan parvas

Dous paxaros en dous días. Entre onte e hoxe asasinei dúas andoriñas.

Onte, cando ía no coche do traballo para a casa, vin que unha andoriña que voaba desconcertada viña cara a min, cara ao meu coche. Era unha andoriña kamikaze, un paxaro suicida que ante a colonizalión mecánica do seu medio natural se lanzaba sobre o meu coche sabendo que ía morrer ela. Tentei evitalo. Tentei apartarlle o coche. Pero nada..., nada. A andoriña bateu nun lateral da parte dianteira. Quixen parar, pero non parei. Seguín e fun mirando polo retrovisor como a andoriña se revolvía no chan, como botando, e como dúas ou tres compañeiras súas se achegaban a ela, como acudíndoa. Non sei cal sería o seu final. Temo o peor. Deume pena, moita pena.

Hoxe, cando viña para o traballo, a escena repiteuse case exactamente igual. Outra andoriña kamikaze. Están en guerra contra nós..., ou andan parvas.
08/06/2004 13:20 Enlace permanente. Tema: Hay 3 comentarios.

10/06/2004

Galiza, potencia mundial

jugadorambpotes.jpgAlejandro Campos Ramírez (Alexandre de Fisterra) naceu en Fisterra en 1919 e era editor, inventor, escritor, músico e un longo etcétera. Ademais era republicano e estivo exiliado en Francia, Guatemala, México, etc. Coñeceu ao Che Guevara, polo que coñecía ben a Revolución cubana. Tamén foi secuestrado..., toda unha vida da que disque pronto se publicarán as memorias.

No ano 37 Alexandre estaba en Montserrat (Barcelona) convalecente dunhas feridas de guerra, pois fora sepultado por unha bomba en Madrid. Vendo como moitos non podían xogar ao fútbol debido ás diversas feridas e lesións creou un marabilloso invento que tanto fixo -e fai- gozar a tanta xente: o futbolín.

Un invento galego creado por necesidade que chegou a todo o mundo.

Grazas aos Diplomáticos toda Galiza coñece ao inventor do futbolín.

A creatividade aumenta en situacións difíciles.

Non é de estrañar que o Primeiro Campionato de España de futbolín se celebrara en Galiza, en Poio, onde quedou campión Lolo Candal, de Rábade (Lugo), así como tamén foi campión da Copa de Punta Umbría, en Huelva, practicamente un campionato mundial, en 1998.

Está claro: Galiza é unha potencia mundial de futbolín. Cómpre que isto sexa máis potenciado e reivindicado.

Selección Galega Xa!!!
10/06/2004 17:58 Enlace permanente. Hay 1 comentario.

11/06/2004

Gasosa: bebida agropop?

A gasosa é unha bebida composta pola mestura de auga, gas, sacarina e ciclamato que todas e todos temos –ou tiñamos– nas nosas casas, servida a domicilio. Antigamente o reparto facíase en carros de cabalos, despois en moto-carro e finalmente cun camión.

É curioso que até o ano 1816 as gasosas só se podían vender nas boticas, pois estaban consideradas preparados medicinais.
Está claro que até hai ben pouco a empresa gasoseira galega era importante nas pequenas e medianas vilas. A primeira empresa de gasosas galega fundouse en Compostela en 1886. A partir desa data en case todos os concellos do país había unha fábrica para producir primeiro gasosas brancas e posteriormente de limón, de laranxa, sifóns e rasodas (refrescos de cola). Estas repartíanse polas casas e viñan en botellas retornábeis de vidro dun litro e con tapón mecánico de plástico, metal e goma laranxa para que non perdesen o gas. Todo o mundo coñece, mercou, probou, veu, etc., Gasosas Maruxa, Pitusa, Suárez, Teimar, Barbanza, Fonte Roca, Abelleira, Lidia..., e como non, La Revoltosa e La Casera. En toda mesa á hora de xantar tiña -ou ten- que haber gasosa.

A penetración de novos refrescos polas multinacionais fixo que retiraramos as nosas gasosas de enriba do mantel e polo tanto tamén fixo case desaparecer as pequenas fábricas, aínda que algunhas aínda resisten. Fagamos que poidan seguir vivindo, xantemos con gasosa.
11/06/2004 10:43 Enlace permanente. Hay 7 comentarios.

14/06/2004

Conciencia nacional?

imxnacionalismo.jpgO sábado tiven que asistir a unha asemblea na miña parroquia. O tema era sobre un monte da comunidade que se lle alugou a unha empresa. O terreo que se lle cedeu era duns 5.000 metros, e a empresa desterrou uns 19.000. A cuestión era como amañar agora iso: retirarlle a concesión?, pedirlle indemnización?, denunciala?, etc. Á asemblea asistiron unhas 200 persoas, todas bastante participativas. Un dos asistentes pediu a palabra e comezou a falar en castelán..., sorrisos e murmurio..., entón alguén dixo en voz alta: e logo ti non podías falar en galego, para que todos che entendamos? Aplausos (e risas) de todos/as os/as asistentes.

A continuación reproduzo os resultados das Eleccións europeas 2004 na miña parroquia:

PP: 193 votos
PSOE: 80 votos
BNG-GALEUSCA: 41 votos
IU: 2 votos
Outros: 0 votos
En branco: 0 votos
Nulos: 0 votos

Censo: 625
Votantes: 316
Porcentaxe de participación: 50,56%

Conciencia nacional?
14/06/2004 18:14 Enlace permanente. Hay 6 comentarios.

16/06/2004

Polo xeito de mirarche

Polo xeito de mirarche diría que che odio
e non quero que sexa certo
non podo dicir que non che quero
mais non che quero ver así.
Debería falar e calo
non deixo de estar calado
morro por dicir o que non digo
e digo que non falo.
Loito e non loito, mais quero
quéroche e non che quero, mais loito.
O loito para cando morras,
e non morras! Non che deixamos morrer!

Existe un paraíso habitado por violadores
por asasinos, degoladores e capadores
que se botan enriba dun até acabar con el.
E matan, sempre matan.
Rouban e condenan ladróns
matan e condenan asasinos
e o paraíso non esperta
non o deixan espertar
porque tamén lle roubaron o seu sono
porque tamén lle roubaron o seu soño.

Terra e mar!
Chuvia e ar!
Axudádeme!

A terra acabará enterrándoos
e o mar afogándoos.
A chuvia borrará as pegadas
e o ar faranos espertar.

Xa veredes!
16/06/2004 10:17 Enlace permanente. Hay 3 comentarios.

17/06/2004

De festas

Ademais da Festa Agropop-art, esta fin de semana teñen lugar moitas outras. Entre elas as da miña parroquia.

Estades todas e todos convidados.

Venres 18

Pola noite: festa rachada coas orquestras Triunfo e Filadelfia

Sábado 19

Pola tarde: xogos infantís (festa da espuma, camas elásticas, inchables, etc.), V Campionato Mundial de Chave, Partido Solteiros sen compromiso vs. Casados ben amarrados, I Campionato de futbolín, Campionato de fútbol sala, Tiro da corda, etc.
Pola noite: festa rachada coas orquestras América e Colores

Domingo 20

Ao medio día: Gran sardiñada, con sardiñas, churrasco, pan de millo e viño de balde para todos/as os/as asistentes.
Pola noite: festa rachada co trío 3.com e coa actuación do humorista pontevedrés Somoza.

Todas as actividades terán lugar no contorno do Centro Recreativo, a excepción do partido de fútbol, que terá lugar no Campo de Trumiáns.

Transporte
Aloxamento
Teléfonos de interese

De momento esta festa non vai ser censurada, pero outra do ladiño pode ser que si... Para que vexades como é algunha xente da zona por onde eu vivo, LEDE ESTA NOVA de hoxe...
17/06/2004 13:55 Enlace permanente. Hay 2 comentarios.

21/06/2004

Estamos aquí

Por cuestións de última hora e contra prognóstico puiden pasar finalmente pola Agrofesta, aínda que de pasada e sen a indumentaria axeitada (síntoo). Ben o conta Paleon na súa crónica. Todo moi ben. O sábado e o domingo estiven nas festas da miña parroquia. Tamén todo moi ben. Onde non puiden estar foi na Festa do cu ao aire, en Aguiño, coa Compañía do ruído e con ameazas dalgunha asociación.

Hoxe alégrome de que a comarca do Barbanza conte cun novo medio de comunicación, Vieiros Barbanza, unha edición local de Vieiros xestionada por Adolfo Muíños. Isto era necesario e urxente.
21/06/2004 18:26 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

22/06/2004

A (nosa) política festivo-cultural

torero.jpgLoxicamente a programación festivo-cultural do Xacobeo (Jaco veo Jaco quiero) recibiu moitas críticas e foi obxecto de polémica. Loxicamente (outra vez). No Parlamente pediuse que polo menos a metade das actuacións fosen galegas. Loxicamente (por terceira vez).

Agora ben; que ofrecemos nós? Cales son as alternativas que damos? Cal é a nosa proposta? Que fariamos se estivesemos gobernando? Cal é, en definitiva, a nosa política cultural?

Para comprobar cales son as nosas propostas festivo-culturais reais (non promesas) podemos mirar a programación das festas de alí onde gobernamos (é un bo método, non?). Por exemplo, estes días van ser as festas de tres concellos nacionalistas: Boiro, Carballo e Poio. Brevemente, esta é a programación festiva:

Festas de Boiro
Los Pecos, Loquillo, El Hombre Gancho, Danza Invisible, Leilía e Treixadura. Típicas verbenas con orquestra, grupos tradicionais e bandas de música.

Festas de Carballo
Los Caños, Alú, Modestia Aparte, Le Punk, Amparanoia e Luar na Lubre. Verbenas con orquestras. Bandas de gaitas. Corais.

Festas de Poio
Mercedes Peón, Trébol de Ferrol, Nueva Moda, Orquesta Compostela, Na Lúa, Satélites, Tango, Solara, Ismael. Bandas de música. Corais. Grupos populares.

Cal é a nosa política cultural?
22/06/2004 17:54 Enlace permanente. Hay 9 comentarios.

24/06/2004

A hora da concepción perfecta

Vaise achegando a hora da concepción perfecta
a hora exacta da recuperación da noción tempo
a hora concreta da ampliación da noción espazo,
a hora de vivir sen sentir,
sen sentir a emoción.
Que non morra a emoción
ese algo que vive e que non se ve,
o alento sobrenatural de misterio,
a emoción.
Chega a hora de esquecerse da lenda
a hora... agora...
Agora medrades sen medrar,
necios letrados fillos de sabios analfabetos,
medrades sen sentir, vivides sen sentir,
sen sentir a emoción.
Que non morra a emoción
nin a lenda, nin o misterio, nin a memoria.
Que tampouco morra a memoria
o segredo dos sabios
a base do criterio
o principio da crítica
o apaixonante motor do nós mesmos,
a memoria.
Mais achégase a hora da concepción perfecta.
Sede conscientes.
24/06/2004 12:50 Enlace permanente. Hay 1 comentario.


Suscrí
bete a este blog. RSS 2.0 Este Blog ha sido creado con Blogia. Ver derechos de autor . Estadísticas. Admin. [Blogia colabora con 1001 relatos.]