Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Se muestran los artículos pertenecientes a Enero de 2006.

22/01/2006

Miraxes

20060122191103-miraxes.jpg

Paréceme ben Ouvirmos. Paréceme estupenda Mercedes Peón. Paréceme fenomenal a exposición do MACUF e aínda máis a da Eugenio Granell. Paréceme marabilloso que actuara a Sinfónica de Melide. Paréceme ben que esta semana actúen a Sinfónica, a Filharmonía e The Soundtrack of our Lives + Sloan...

Pero pareceríame mellor que se soubera algo máis, por exemplo, de todo o que está fervendo na rede coas 1.000 bitácoras en galego e centos de iniciativas de todo tipo; dos tamén 1.000 grupos que andan a facer boa música en galego e de todos os estilos; de moitos outros concertos, recitais, contacontos..., que seguro que hai por aí en moitos pubs espallados polo país adiante; de máis xente nova, activistas culturais, asociacionismo, presentacións de libros, etc., etc., etc.

Pareceríame mellor que se souberan máis cousas de Ruxe Ruxe, A Compañía do Ruído, The Homens, A banda de Poi, Dios ke te Crew, O Leo i Arremecaghona, A Matraca Perversa...

Pareceríame mellor que se souberan máis cousas sobre que é iso de Blogaliza, Paleón, As túas balas, Caladinha, As Crónicas Prusianas, Todonada, Días estranhos...

Pareceríame mellor que se souberan máis cousas sobre Arredemo, Aduaneiros,  Edicións da Rotonda, A Gentalha do Pichel, Radios Livres...

Pareceríame mellor que se souberan máis cousas sobre...

Por parecer, tampouco me parecía mal Con C de Cultura.

22/01/2006 19:11 Autor: deposito. Enlace permanente. Hay 8 comentarios.

O insultante señor Sillón-T

20060122200255-xlsemanal.jpg

Non dou aprendido. Sei que me fai mal, que me altero cada vez que o leo, que non é bo para a miña saúde, pero..., cunha certa curiosidade e tamén certa dose de masoquismo aínda ás veces o sigo lendo. Por iso teño a sospeita de que boa parte dos seus lectores e das súas lectoras persiguen o mesmo que moitos/as que escoitan a Jiménez Losantos ou len a Pedro Arias, Blanco Valdés, Pedro J. ou Ansón (sinten curiosidade, queren rirse un pouco e acaban enfurecidos/as).

O conto é que o insultante señor Sillón-T a semana pasada parece que vía en perigo os dereitos de toda a cidadanía española, a lingua de Cervantes, de 20 nacións e de 400 millóns de persoas, o sistema democrático e a integridade do Estado español polo feito de que alguén tivo a ousadía de enviarlle a el, nin máis nin menos que a el, unha carta desde as "Vascongadas" co cuño de "franqueo pagado" nunha lingua que non era a "común española".

Esta semana a cousa está aínda máis chunga (cómpre botar man da súa académica linguaxe). O Psoe busca un putiferio insolidario onde cada "perro lame su ciruelo". O PP "meapilas". IU imbécil. Todos "gilipollas" porque teñen medo que os chamen fachas. E mentres tanto os nacionalistas conseguindo cousas sen ter que pegar tiros e sen que Franco bombardee Barcelona. Xa está ben, non!?

E todo porque un seu amigo, José Manuel, non atopa traballo en Barcelona porque non sabe catalán. Onde queda a puta igualdade de oportunidades? E seguro que para máis inri aínda lle pedirán que teña coñecementos de informática! E para algún traballo que saiba algo de inglés! E se chega a querer ser comercial non me estrañaría que lle obrigasen a ter facilidade de comunicación! Foder, non hai dereito!

Vale. Estou de acordo en que neste putiferio a xente poida falar como lle saia dos collóns. De feito, quero que aquí a xente fale como lle saia dos collóns. O que pasa é que eu aquí tamén quero falar no que me sae (e non precisamente dos collóns). E se quero dirixirme ao meu concello en galego, a funcionaria ou funcionario de turno terá que saber galego. E se me quero casar en galego, o xuíz ou a xuíza de turno terá que saber galego. E se quero recibir educación en galego, o mestre ou mestra de turno terá que saber galego. Iso é o que entendo eu por dereitos e por un Estado que vele para que todos sexamos iguais e teñamos as mesmas oportunidades.

O tema está en que os dereitos individuais na administración rematan onde empezan os dereitos individuais da cidadanía, señor Sillón-T. E eu quero ter dereito, señor Sillón-T, a poder usar a "miña" lingua perante a "miña" administración. Se deus e vostede, señor Sillón-T, mo permitides.

22/01/2006 19:54 Autor: deposito. Enlace permanente. Hay 3 comentarios.

25/01/2006

O conto dunha vida

O conto dunha vida faino cada un
se pode, se lle deixan
se atende á desorde como delicia
como pracer que ispe a cabeza
esa cabeza que apoio na almofada
e inventa tolerías. U-la razón?
Preciso de compaña e métome en min.
Incansábel vou máis alá.
Sumo fantasías e aparezo eu
nesa harmonía feita con discordancias.
A harmonía é o boureo arrítmico da vida
a imprecisión de cada quen
a desorixe de cada can.
Abro a fiestra que me amosa o mundo que non hai
pero que eu vexo.
As cousas pasan porque pasan.
Vivir é ver.
Vivo (porque vexo) o que pasa (porque pasa)
no mundo que non hai (pero que eu vexo).
Non sei.
25/01/2006 10:26 Enlace permanente. Hay 5 comentarios.

26/01/2006

Next blog

Un día estiven por Blogspot adiante visitando bitácoras ao chou e gardei algunhas ligazóns.

Hai de todo: Totallct, Blade Runner, My Exercise Log 2006, Fotografia, Shaiwal Manasi Wedding Photos, Liga, Ballhoneys, Drakouna, Inthepink4sure, Sade ve Sessiz, Jiannn, My Tri Jounal, Maktoub...

26/01/2006 12:36 Autor: deposito. Enlace permanente. Hay 1 comentario.

30/01/2006

Miraxes II

20060130125352-xandra-tedin.jpg

O pasado 22 de xaneiro escribín un post sobre o novo programa da TVG Miraxes.

En resumo, dicía que me parecía ben, mais que me parecerían mellor que houbese outros contidos, que se soubese máis sobre outras cousas...

Logo desta fin de semana, Miraxes comeza a semellarse moito ao programa que eu agardaba...

Parabéns!

30/01/2006 12:53 Autor: deposito. Enlace permanente. Hay 7 comentarios.


Suscrí
bete a este blog. RSS 2.0 Este Blog ha sido creado con Blogia. Ver derechos de autor . Estadísticas. Admin. [Blogia colabora con 1001 relatos.]